Probas periciais en materia de medicina forense, psicoloxía e traballo social

Na área Clínica Forense

As probas periciais na área clínica son fundamentais para establecer a veracidade dos feitos en situacións que implican danos físicos, psicolóxicos ou emocionais. Estas probas non só axudan a clarificar a magnitude das lesións e as súas consecuencias, senón que tamén proporcionan unha base para a compensación de danos, a valoración da responsabilidade penal e a protección das vítimas, especialmente nos casos máis vulnerables.

No ámbito da medicina forense, a área clínica céntrase na avaliación de persoas vivas, que foran vítimas de calquera tipo de violencia así como daquelas que por motivo de enfermidade ou circunstancias especiais se solicite por parte dos Xulgados ou Tribunais.

As probas periciais nesta área son fundamentais no ámbito xudicial, cando se trata de valorar os danos e o estado de saúde das persoas involucradas nun proceso legal, co obxectivo de determinar os danos sufridos, as súas consecuencias e/o a responsabilidade dos agresores, se procede, así como para establecer as medidas de protección das vítimas..

Estas probas son realizadas principalmente por médicos/as forenses, aínda que nalgúns casos tamén poden involucrar a outros profesionais da saúde, como psicólogos ou traballadores sociais.

As probas periciais na área clínica poden incluír:

Valoración de danos corporais

Este tipo de proba pericial realízase para avaliar as lesións sufridas por unha persoa e determinar a gravidade das mesmas. É clave nos casos de accidentes, agresións, malos tratos ou calquera outro incidente onde haxa dano físico ou psíquico.

  • Exame físico e médico: O/A médico/a forense realiza unha exploración física para identificar lesións visibles e posibles danos internos.
  • Gravidade e secuelas: Determínase a gravidade das lesións e avalíase se a persoa pode sufrir secuelas permanentes. Isto ten importancia nas posibles indemnizacións.

Informe psiquiátrico e valoración do dano psicolóxico

Nalgúns casos, as vítimas chegan a desenvolver trastornos psicolóxicos ou psiquiátricos. Nestes casos, realízase un informe psiquiátrico forense para avaliar o impacto emocional da vítima e determinar se necesita atención psicolóxica.

  • Informe sobre a capacidade mental: Nos casos nos que a saúde mental da persoa pode influír na súa capacidade para comprender ou participar no proceso xudicial, elabórase un informe sobre a capacidade da persoa para ser procesada xudicialmente.
  • Valoración da credibilidade: En situacións onde o testemuño da persoa está en xogo, como nos casos de abuso ou violencia, pódese realizar unha valoración psicolóxica da credibilidade do relato.
  • Avaliación de trastornos psicolóxicos: Nalgúns casos, as vítimas chegan a desenvolver trastornos psicolóxicos ou psiquiátricos. Nestes casos, realízase un informe psiquiátrico ou psicolóxico forense para avaliar o impacto emocional da vítima.

Valoración da violencia de xénero

Este tipo de proba pericial inclúe a valoración das lesións físicas e das secuelas psicolóxicas sufridas polas vítimas.

  • Lesións físicas e psíquicas: Documéntanse tanto as lesións físicas visibles como os posibles trastornos psiquicos derivados da violencia (ansiedade, depresión ou trastornos de tensión postraumática).
  • Valoración psicosocial: Avalíase o impacto psicolóxico da violencia sufrida e emítense recomendacións sobre medidas de protección.

Valoración dos detidos ou acusados dun delito:

Este tipo de proba pericial realízase para determinar o nivel de intoxicación das persoas involucradas en accidentes ou delitos onde se sospeita que poidan estar baixo a influencia do alcol ou drogas.

  • Análise de pelo e ouriños: Realízase a proba que corresponda para detectar a presenza de substancias que poidan ter influído na capacidade da persoa para tomar decisións ou na súa responsabilidade nos feitos ocorridos (accidentes de tráfico ou outros delitos).

Exame de menores e persoas con discapacidade

As probas periciais clínicas son fundamentais en situacións legais que involucran a menores ou persoas con discapacidade, para poder determinar o seu estado físico e psíquico.

  • Valoración de menores: Realízanse probas para determinar o benestar do menor, a súa relación cos proxenitores e a súa capacidade para tomar decisións ou ser oído no proceso xudicial.
  • Valoración de persoas con discapacidade: Valóranse as capacidades da persoa con discapacidade para entender e participar no proceso xudicial, e determínanse as medidas de apoio necesarias para que poida ser protexida adecuadamente en todos os aspectos nos que o necesite.
Xunta de Galicia